R conecta 462 novos inmóbeis de Mos á súa fibra óptica

martes, 15 de marzo do 2022 S. P.

R fixo balance dos seus traballos recentes en Mos para dotar a máis de inmóbeis do concello de fibra óptica avanzada. Segundo fixo saber, un total de 462 novos fogares e empresas dos núcleos de Casal, Gándara, Espaín, Balteiro, Laxe, Agueiro, Rebullón, Cerdedelo e Regomil, en Mos (Pontevedra), xa poden dispor de accesos ultrarrápidos a internet de ata 10 Gbps simétricos e gozar, polo tanto, de servizos telecomunicacións de vangarda. Estas unidades inmobiliarias están xa conectadas grazas á nova despregadura rematada recentemente pola operadora no concello. O resultado son, como dixemos, máis de catrocentos sesenta fogares e negocios nos devanditos núcleos.
O operador galego lembra que xa acometera en meses anteriores en Mos outras despregaduras das súas redes nos núcleos de Atín, Casal, Campo de Eiro, Rebullón, Gándara, Zapateira, Laxe, Igrexa e Balteiro, Sobrado, Bosende, Cotiño, e en total conectáranse ás redes avanzadas de R unhas 1.125 vivendas e empresas deste concello da Ría de Vigo. Cando rematen as despregaduras enmarcadas no vixente Plan Avanza no que R traballa arestora, 2.784 fogares e negocios teranse unido á rede de fibra da operadora no concello de Mos, pois aos inmóbeis incorporados na contorna do plan do Ministerio haberá que sumarlles os conectados a través doutros traballos de desenvolvemento de rede que R vén realizando na zona dende hai anos.
Este e outros traballos de cobertura na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento do tres plans investirase un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Mos enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos de municipios do sudoeste de Galicia (Pontevedra). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€.
A día de hoxe, só no marco do Plan Avanza, R chegou por primeira vez coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos concellos do Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Mos, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía, Valga, Vilaboa e Ponte Caldelas.

PUBLICIDADE