R chega aos 5.140 puntos Wi-Fi de balde para os seus clientes

mércores, 12 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

O operador galego R fixo estes días reconto da súa oferta sen fíos para usuarios. Segundo fai saber, estariamos a falar de 5.140 puntos de acceso a Internet na súa rede Wi-Fi (rede wificlientesR), ou sexa, localizacións para conectármonos de balde (sempre e cando teñamos contratados servizos de Rede fixa de R), con tecnoloxía sen fíos, repartidas ao longo de 88 concellos da nosa xeografía. A cifra, con todo, está suxeita a procesos de medre constante: a idea da operadora é que chega a máis concellos e teñan cada vez mellor cobertura. Por certo que para tirar o máximo partido deste servizo gratuíto, a compañía creou unha aplicación para Android e outra para iOS que localiza onde hai puntos dispoñíbeis.
Dese xeito”, informa R, “o usuario sabe onde ten un punto Wi-Fi preto para conectarse”. A aplicación permite a conexión automática, para que non teñamos que pór o noso nome de usuario e contrasinal como clientes cada vez que nos queiramos conectar.
Segundo engade o operador galego, durante o mes de abril a rede wificlientesR tivo máis de 40.000 conexións. Consumíronse, ademais, uns 680XB de datos en internet, “o que supón para os usuarios un grande aforro real, en canto que non teñen que gastar da súa tarifa de datos de móbil”. A día de hoxe, conectáronse a esta rede máis de 6.100 usuarios, a través de todo tipo de dispositivos. “A idea é que a cifra siga medrando durante este ano e que se poida artellar unha rede coa maior cobertura posible en toda a comunidade para que os usuarios poidan conectarse a ela estean onde estean, sen que o noten os seus petos”, engade a compañía galega.

PUBLICIDADE