R amplía a máis combos o seu servizo de conexión á Rede a través do desco de TV

venres, 25 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

O operador galego R presentou este venres un novo servizo para permitirnos a conexión a Internet a través do seu descodificador de televisión. O servizo en cuestión, que non é novo (posto que xa hai tempo que é posíbel levar a cabo este tipo de acceso para os clientes do comboR), esténdese agora a máis produtos-modalidades da operadora. Ou sexa, a máis combos. Con esta novidade, engade a operadora, a través da páxina web de clientes, poderemos escoller canta velocidade da que temos contratada se vai destinar ao descodificador de TV. Temos dúas alternativas, engade a empresa: 1 Mbps/200 Kpbs ou 5 MBps/300 Kpbs.
Co fin de non reducir a calidade da conexión que teñamos establecida mediante o router, a empresa só forneceu o servizo para usuarios do comboR. Agora, ao pórse en marcha novos produtos ao abeiro do descodificador, amais dun xogo máis amplo de velocidades, aplicouse a devandita vantaxe aos combos 15, 50 e 100. Para activar esta nova solución, temos que ir á web de clientes e logo configurar o dispositivo para que posteriormente obteña un enderezo IP de maneira automática. De seguido, teremos que enchufar o dispositivo ao descodificador de R no porto Ethernet.

PUBLICIDADE