R achegará tecnoloxía a Caixanova para a ampliación da súa rede corporativa de datos en todo Estado

mércores, 25 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Caixanova vén de asinar un acordo coa galega R polo que a entidade financeira confía á devandita operadora a ampliación da súa rede corporativa de datos en todo o Estado, co fin de afondar en servizos bancarios de meirande calidade e máis próximos ó cliente. Ademais, o obxectivo de Caixanova (segundo apuntou na sinatura do acordo José Luis Pego, director xeral da caixa galega) é “medrar en eficacia e rendibilidade”.
Por medio deste convenio, R (que estivo representada polo seu director xeral, Arturo Dopico), achegará tráfico multimedia, voz, vídeo, internet e datos nunha única infraestrutura converxente “que combina a tecnoloxía gigabit ethernet e MPLS sobre a tecnoloxía da fibra óptica, o que leva consigo un chouto cualitativo, ó incrementar a capacidade e velocidade actual da súa rede”, informa Caixanova nun comunicado de prensa.
Deste xeito, engade, ficarán conectadas tódalas sucursais que a entidade ten distribuídas por toda España, os caixeiros desprazados, os centros sociais e os servizos centrais e territoriais. A partir de xa, as oficinas e locais de Caixanova devanditos contarán cunha capacidade de mil Mb garantidos e simétricos -de carga e de descarga-, “o que significa 2.500 veces a velocidade media dun internauta particular en España”, sinala a entidade financeira.

PUBLICIDADE