R achegará a mocidade aos universos do Big Data e a 5G a través do programa TransformaTec

xoves, 3 de marzo do 2022 S. P.

A operadora R vai ser esta tempada unha das grandes colaboradoras de AMTEGA en materia de divulgación sobre tecnoloxías disruptivas, difusión que materializa no programa de seminarios en liña TransformaTech Sessions da axencia autonómica. Este programa comprende unha serie de encontros virtuais breves sobre ferramentas transformadoras na sociedade dixital, que impartirán voceiros de empresas colaboradoras para un público profesional, por unha banda, e estudantil, por outro. Na modalidade de Talento Xove intervirán unha voceira e un voceiro de R con senllas charlas que ocupan o lugar primeiro e segundo desta serie que comeza este venres, 4 de marzo.
Nesta ocasión será Olga Fernández, analista de datos e especialista en estratexias para a captación e mantemento de clientes de R, co webinario titulado O Big Data está en todas partes: onde e para que se usa, quen inaugurará desta maneira o programa da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), enmarcado no Plan Digitalent da aAdministración autonómica para “fomentar o talento e os perfís dixitais entre a mocidade”.
Durante a súa intervención, Olga deterase en explicar ás persoas asistentes os porqués da popularidade do Big Data (ferramentas de análise da información a gran escala) ou, por exemplo, de que maneira se usan estas tecnoloxías en redes sociais como Tik Tok, ou en plataformas musicais e audiovisuais como Spotify ou Netflix. A experta avanzounos que o “Big Data forma parte da nosa realidade diaria nas empresas, na medicina, no noso lecer (Netflix, Tik Tok ou mesmo no fútbol) e sen dúbida xa está a ser e vai seguir sendo unha das áreas na que se demandarán máis profesionais no futuro”.
Tomará a testemuña o mércores 9 de marzo Pedro Herbello, responsábel de produtos de telefonía de R, coa segunda charla desta modalidade dirixida á xuventude baixo o título 5G, o impulso da transformación dixital. Herbello daralles resposta a preguntas como que nos trae a 5G e por que falamos desta como dunha tecnoloxía disruptiva, cal é a súa situación en España nestes momentos ou cando se consolidarán aquí o 5G NSA e o 6G. Nun avance do seu webinario da vindeira semana, o especialista da operadora de orixe galega afirma que “a 5G non é só máis velocidade de descarga, senón moito máis que iso. Trátase da primeira tecnoloxía móbil que nos permite adaptar a mesma rede e de maneira simultánea para servizos completamente opostos; unha tecnoloxía pensada para resolver non só as necesidades dos usuarios individuais senón tamén da industria”.
Os contidos destes webinarios da modalidade Talento Xove están adaptados a mozos e mozas de 12 a 16 anos que cursan a ESO, Bacharelato ou estudos de Formación Profesional en centros educativos de Galicia. Deseñadas nun formato breve e áxil, as exposicións queren achegar as novas tecnoloxías ás persoas asistentes “dunha maneira dinámica” e tentar que “participen activamente relacionándose cos voceiros/as para resolver as súas dúbidas e inquietudes”. As persoas interesadas poden inscribirse xa nunha ligazón específica para a sesión sobre Big Data e noutra para a da 5G.

PUBLICIDADE