R acada espectro radioeléctrico para despregar redes móbiles de nova xeración

venres, 29 de xullo do 2011 Redacción

Arturo Dopico, conselleiro delegado de R, nunha imaxe de A Nosa Terra

A empresa galega R vén de conseguir un importante eido de traballo no ámbito das comunicacións de vangarda na nosa terra. Máis polo miúdo e logo dun mes competindo cos operadores estatais, a compañía vén de facerse cun bloque de 2x10 MHz da banda de 2,6 XHz na poxa do espectro radioeléctrico convocada polo Ministerio de Industria. Xa nun plano máis concreto, isto permitiríalle á firma galega avanzar na súa estratexia de fornecer de novas tecnoloxías de calidade a tódalas empresas e fogares galegos.
De feito, as frecuencias obtidas polo noso operador a través do devandito concurso farán posíbel “o desenvolvemento de redes móbiles de tecnonoloxía LTE (Long Term Evolution), tamén coñecida como superbanda ancha móbil, idóneas para ofrecer servizos móbiles de cuarta xeración e preparadas para a transmisión de datos en mobilidade”, informa R nun comunicado.
Asemade, o feito de contar co dito espectro radioeléctrico posibilitaralle ao operador perfilar a posibilidade de levar as redes con tecnoloxías móbiles a zonas da nosa terra onde até o de agora é “inviábel facelo”, engade, “mediante solucións fixas”. Para R, este sería un piar importante de cara á futura e definitiva supresión da fenda dixital que nos afecta dende hai anos, comezándose unha nova etapa no eido do desenvolvemento do noso país, incluído tamén o rural. A día de hoxe, R achega velocidades de acceso á rede de 30 e 100 megas alí onde ten cobertura. Asemade, engade, “co apoio do Plan de Banda Larga da Xunta reforzaremos novamente o obxectivo de situar a Galicia á vangarda das telecomunicacións para competir en Europa e no resto do mundo”.

PUBLICIDADE