Qyavoy: aplicación de raizame galega que nos advirte se o noso coche vai ser multado

venres, 17 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Que cada vez é máis complicado aparcar o coche nas grandes cidades é unha realidade que está á vista de todas e todos. As vantaxes de ter automóbil nunha urbe son cada vez menos, pero se aínda seguimos coa teima de telo, máis tarde ou máis cedo poderemos comprobar que nin sequera cando estamos lonxe del e o temos teoricamente ben emprazadiño, nos libraremos das molestias. A listaxe de problemas que pode dar é interminábel (dende atorar a saída de vehículos dun garaxe até estar metido no medio dunha rúa en remodelación), pero cómpre non desesperar: xa hai tecnoloxía de raizame galega para pórlle un pouquiño de remedio. Trátase dun sistema para trebellos móbiles que avisa, vía aparello, dos problemas que orixina o noso coche.
A aplicación vén da man dunha empresa rioxana, IBD Software, comandada polo Juan Baltar Domínguez, un empresario vasco de orixe galega que arestora xa está a vender o seu produto, de nome QYAVOY nos principais mercados europeos e algúns dos americanos. A aplicación, que en breve estará dispoñíbel para Android, o sistema libre para móbiles, a través dunha versión especial, funciona un pouco coma o veciño ou veciña aos que lle encomendamos, de palabra, que nos avise se o coche que acabamos de deixar aparcado será fonte ou non de problemas.
A cousa non tería razón de ser, cómpre dicilo, se seguimos os regulamentos do Concello en cuestión para inmobilizar o noso vehículo, pero hai que recoñecer que moi poucos de nós, se temos présa ou temos que descargar ou cargar algo, seguimos ao pé da letra a devandita normativa. Dito doutro xeito: que tire a primeira pedra quen non deixou o coche en raia amarela.
O funcionamento do sistema é moi sinxelo, e apóiase directamente nas suxestións que se achegan en Facebook ou na páxina web da ferramenta, suxestións que logo se introducen no sistema. Deste xeito, informa Baltar Domínguez, a aplicación poderá advertirnos se o noso vehículo sufriu algún choque, se ten a porta mal pechada ou se está a ser multado. Tamén avisa se o motor perde líquidos, cousa importante para quen teña un vehículo vello. A ferramenta, que está arestora en fase de promoción, saíra como dixemos para Android e, con esta manobra, de seguro que ampliará o abano de móbiles nos que é compatíbel. Como unha boa parte das funcionalidades de hoxe, as da era 2.0, esta tamén se basea na participación. De feito, é un dos alicerces do seu traballo e o que en boa medida fai posíbel o seu crecemento. A cousa é deste xeito: uns usuarios do sistema avisando a outros, vía mensaxe no móbil, das incidencias das que están a ser obxecto os seus automóbiles. O que se require é o número de matrícula do coche en cuestión, co fin de que a ferramenta saiba a quen advertir do risco. Cantas máis persoas forman parte desta rede social, máis eficaz será o seu funcionamento.

PUBLICIDADE