Quotidiania Delirante, o cómic galego para o iPhone, galardoado nos Mestre Mateo

venres, 16 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

A organización dos Premios Mestre Mateo 2009 (A Academia Galega do Audiovisual) fixo entrega onte dos seus galardóns, destinados a recoñecer aos profesionais da terra, nunha gala que tivo como escenario o Pazo da Cultura de Narón. Alén do éxito máis ou menos cantado de Cela 211, que foi obxecto de 10 premios (incluídos o de mellor filme e mellor actor para Luís Tosar), a cerimonia dos Mestre Mateo tamén se dirixiu a salientar as achegas tecnolóxico-dixitais dos galegos e galegas cara a apertura de novas canles de expresión e comunicación. É nesta liña na que se insire o recoñecemento a Quotidiania Delirante, iniciativa posta en marcha polas empresas Continental Producións e Costa Oeste Producións e da que xa falamos polo miúdo nesta mesma web, en boa medida para salientar a súa repercusión como proposta innovadora á hora de unir dous mundos até o de agora escasamente mesturados: o das novas tecnoloxías e o do cómic.
A obra, que serviu de estrea a unha ferramenta-motor (iMotion Comic) para transformar viñetas a iPhone, contou tamén coas achegas de Paralaxe Multimedia, empresa ligada á USC que centrou o seu labor na simplificación dos aspectos tecnolóxicos para que o cómic Quotidiania Delirante chegase ao devandito aparello móbil, deixando (amais) o camiño aberto para futuras adaptacións semellantes.
Por certo que detrás dos contidos mesmos da obra premiada atópase o recoñecido debuxante galego Miguelanxo Prado, responsable de subministrarlle á estrea do iMotion Comic aquilo sen o que non sería posible: unha historia. Noutras palabras: a obra Quotidiania Delirante, colección de historias curtas presentadas en diversas publicacións e que abriu con este chimpo ao dixital un novo camiño de promoción. Neste intre, tal como comentamos recentemente nesta páxina web, a proposta premiada xa vai aparecendo paseniño pero sen pausa na tenda App Store de Apple, onde (por certo) a primeira entrega da serie de Miguelanxo Prado resultou ser todo un éxito, e máis se temos en conta que foi quen de situarse entre os 10 libros de balde máis descargados no seo da dita plataforma. Así nolo confirmou Continental Games, empresa que amosou a súa satisfacción co seguimento que se está a facer da obra entre os seareiros. Como dixemos, a publicación fíxose posible grazas a un novo formato chamado iMotion Comic, un motor que no futuro podería pórse a disposición doutras obras, e todo indica (principalmente o éxito de Meigas, a primeira entrega de Quotidiania Delirante) que así será.
Por certo que entre as producións premiadas nos Mestre Mateo que abranguen tamén o mundo da innovación nas novas canles comunicativas atopamos tamén a peza O coidador de Gatos, obra de Artefacto que se fixo co recoñecemento á mellor curta de animación e que narra as vivencias dun personaxe chamado Mariano, residente nunha casa baleira en Pontevedra e representante dun dos colectivos máis ameazados dos espazos urbanos polas normativas que se impoñen: o da veciñanza que dá de comer aos gatos da rúa. A peza audiovisual, que ten música de Josh Rouse, foi dirixida por Fernando Cortizo, arestora mergullado (enfiando xa a recta final) na derradeira fase de rodaxe de O Apóstolo, longametraxe con tecnoloxía stock-motion centrada no Camiño de Santiago.

PUBLICIDADE