Quintana aposta pola innovación tecnolóxica como factor clave para o éxito empresarial

venres, 21 de setembro do 2007 Raquel Noya

O pasado xoves 20, durante a presentación do Centro Comercial Virtual de AME (Asociación de Mulleres Empresariais e Profesionais da Provincia de Ourense), o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, destacou a “aposta pola innovación e a capacitación tecnolóxica como factores dinamizadores clave para a consecución dun tecido empresarial e industrial forte e competitivo”.
Quintana puxo como exemplo de aposta pola innovación tecnolóxica, este proxecto pioneiro que recrea de xeito virtual (en 3D) as características dun centro comercial tradicional e que supón a aplicación efectiva das novas tecnoloxías á promoción do crecemento empresarial.
O vicepresidente indicou ademais que o emprego de intelixencia artificial, empregada neste Centro Comercial Virtual, posibilita o establecemento dunhas relacións de interactividade que lle facilitan ós usuarios o acceso a este servizo telemático.
O devandito Centro está distribuído por plantas, e en cada unha delas, hai catro prazas con oito tendas por praza. Aínda que polo de agora, tódalas tendas integradas no centro comercial son empresas membros da Asociación, os creadores non descartan a posibilidade de incorporar outras empresas non asociadas e patrocinadores externos.

PUBLICIDADE