Quinta poxa inmobiliaria a través da Rede

martes, 2 de decembro do 2008 Raquel Noya

A consultora inmobiliaria CB Richard Ellis vén de por en marcha a súa quinta poxa inmobiliaria a través de Internet, na que se poderá poxar, ata o vindeiro 18 de decembro, por 136 inmobles novos de toda España con descontos que acadan o 47 por cento.
Segundo vén de informar a consultora, en total, sairán a poxa un volume de “37 millóns de euros” en vivendas de Madrid, Valencia, Andalucía, Baleares, Castela A-Mancha, Castela e León, Vitoria e Cantabria, así como locais comerciais en Málaga e Sevilla.
Segundo informou o director de Novas Canles de CBRE, Emilio Miravet, o obxectivo desta iniciativa é “consolidar as poxas como un vehículo quen de potenciar o fluxo de activos inmobiliarios, que, polo actual ciclo de mercado, ralentizouse”.
Miravet defendeu esta canle como “unha gran oportunidade para acceder a unha vivenda a prezos realmente atractivos”.
Entre a oferta de vivendas que se poden adquirir nesta quinta poxa destaca un inmoble situado en Madrid, xunto a Méndez Álvaro, cun prezo de saída de 314.370 euros, composto por unha vivenda de 91 metros, que inclúe garaxe e dispón de completas zonas comúns.
Por outra banda, en Santander destaca un grupo de vivendas con prezos de saída dende 124.817 euros e en Andalucía é salientable unha vivenda de 3 dormitorios cun prezo de saída de 180.000 euros, situado nun complexo residencial con amplas zonas verdes, piscinas e zonas deportivas.
Na imaxe, Emilio Miravet, responsable da entidade consultora.

PUBLICIDADE