Quempallou sobe ás plataformas dixitais as catro entregas do seu quinto proxecto musical

venres, 16 de xaneiro do 2015 Redacción

A banda galega Quempallou quere abrir novos horizontes en materia de distribución dixital. E vén de facelo co gallo da súa nova produción, “logo de quince anos de traxectoria musical que deron o seu froito discográfico en catro CD orixinais”. Agora, sinalan os integrantes da banda, tocaba facer algo “innovador e diferente”, e as redes resultaron ser un escenario (musical, tecnolóxico) axeitado. Deste xeito, sinalan, o grupo decidiu subir ás plataformas de distribución dixital de música, en catro entregas, o seu quinto proxecto discográfico. “Trátase”, engaden, “de achegarnos ao público a través das novas tecnoloxías e dun xeito máis próximo e interactivo, tirando proveito dos novos recursos que ofrece a Rede para ir avanzando as novas cancións”.
Porén, o devandito no quere dicir que Quempallou abandone definitivamente o formato tradicional de disco. Así, editarán o traballo en formato físico unha vez rematadas as catro entregas dixitais, chamadas Quarteiróns. Iso si, a vindeira edición en CD convencional dará acubillo a algunha que outra sorpresa, incluíndo unha revisión dos temas, “pois outra das ideas novidosas é plasmar a evolución das composicións logo dun tempo de interpretación en directo”.
Cada un dos catro Quarteiróns incluirá 3 temas orixinais, sendo os correspondentes á primeira entrega A Maturrangaina, Fandango da Lagarteira e Folión e Sega. A achega Quarteirón I xa está dispoñíbel nas principais plataformas dixitais de streaming ou descarga, como iTunes, Spotify ou Deezer, amais de Amazon e Google Play.

PUBLICIDADE