Queixas pola exclusión do galego do servizo DictaSMS de Vodafone

luns, 31 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A CiberIrmandade da Fala volve á carga contra aqueles servizos vinculados á Sociedade do Coñecemento que polas razóns que sexan deciden apostar polo que se podería entender como unha sociedade do descoñecemento das culturas e da diversidade. Desta volta, é a quenda do grupo Vodafone, que leva anos gabándose do bo funcionamento dos seus servizos de atención e comunicación co cliente e, porén, na súa web non achega por ningures a posibilidade de sermos informados na nosa lingua. Máis polo miúdo, estamos a falar do seu servizo DictaSMS (ferramenta para converter as mensaxes de voz que recibamos ou enviemos en SMS), que arestora fica a contrapelo da lingua galega.
Cando un/ha galego/a quere utilizar na súa lingua o servizo DictaSMS”, cóntanos a CiberIrmandade, “non pode facelo porque esta empresa tan preocupada por satisfacer os seus clientes non cumpre nin co mínimo requisito e deber que ten, que é ofrecer os seus servizos na lingua oficial que existe onde opera, neste caso, o galego”. Con este motivo e como vén sendo costume, a CiberIrmandade puxo en marcha unha campaña en liña para esixirlle a Vodafone o cumprimento do seu deber como empresa senlleira que é das telecomunicacións e da Sociedade da Información.

PUBLICIDADE