Que Pasa na Costa celebra os cinco anos de actividade na Rede

mércores, 8 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

Os nosos compañeiros do xornal dixital Que Pasa na Costa (QPC) están estes días de aniversario. Máis polo miúdo, celebran os cinco anos de actividade informando ao detalle e con espírito libre e independente de tódalas cousas que acontecen nesa chea de concellos que se adoitan a incluír na comarca da Costa da Morte, algúns máis costeiros ca outros: Cabana, Malpica, Zas, Fisterra, Muxía, Mazaricos, Ponteceso e un máis que longo etcétera. Como saberemos, o xornal dixital materializouse grazas ao pulo e ao compromiso dos membros da empresa Galinus, decididos daquela “a embarcarse nesta aventura submariña” da que, tendo en conta a súa actividade e experiencia, semella que non van dar saído a curto prazo.
Foron cinco anos, contan, para seren testemuñas desa transformación que nos ten afectados a todas e todos, medios e/ou lectoras/es, de pasar dun xornalismo máis tradicional, con metodoloxías propias da edición en papel, a un escenario onde todo se mestura (comunicadores-lectores-colaboradores) e se converte un pouco en obradoiro aberto todo o día. Unha evolución, sinalan, que tamén serviu para impulsar “o uso das novas tecnoloxías nunha das zonas de menor incidencia da internet de toda Galicia, a Costa da Morte”. E engaden: “Cremos que temos aportado o noso gran de area para reducir a fenda dixital, dando argumentos á nosa veciñanza para mergullarse na internet dende as súas casas, e agora ademais tamén a través da APP Móbil de QPC”. Por cifras, o acado ao longo deste tempo é máis que salientábel: “Máis de 2 millóns de visitas dende o 2007, 7 millóns de páxinas vistas, cun incremento do 10% co respecto ao ano pasado; 175.000 usuarios únicos e case 3.000 visitantes diarios convértennos na meirande referencia informativa a través da rede na Costa da Morte, por diante de medios de índole nacional que pouco apostan pola internet”, informan. Dende Código Cero, parabéns para Que Pasa na Costa e que sexan moitos anos máis.

PUBLICIDADE