Quantis e Hispasat ofrecen cobertura de Rede a case 88.000 coruñeses
xoves, 14 de xullo do 2011
Seguimos a falar de máis posibilidades para
acceder á Rede dende o rural, un eido da nosa xeografía que ten ficado no
esquecemento das operadoras e das administracións comunicativa e dixitalmente
falando pero que semella que, paseniño, vai sendo obxecto de importantes
novidades no que se refire á oferta. Como por exemplo a de Quantis, que vén de facer un importante
despregue de cobertura na provincia da Coruña para ofrecer banda larga por satélite.Todo
isto tirando proveito dun satélite de
Hispasat e poñendo en xogo un servizo que abrangue a instalación e a adquisición
do equipamento de xeito gratuíto a través dos recursos que achega o Plan Avanza
do Ministerio de Industria.
Con esta tecnoloxía, informa a empresa, case
88.000 cidadáns da Coruña que neste intre non teñen cobertura, “poderán navegar a alta velocidade e realizar
xestións de tipo administrativo e empresarial, así como acceder a contidos de
lecer, televisión e radio”, sinala a firma, para que é importante subliñar
que se trata dun servizo aplicábel aos restantes cidadáns da nosa terra que aínda
non teñen conexión á alta velocidade. Segundo os datos que pon a disposición da
sociedade o Ministerio de Industria, a cifra de persoas sen cobertura na nosa
terra é de 266.500, das que case 88.000 viven na Coruña.
O servizo que achegan Quantis e Hispasat, como
dixemos, contempla o financiamento íntegro da instalación e máis a compra dos
equipos a través dos fondos do Plan Avanza. A merca e instalación da
infraestrutura será pois de balde, e consiste na achega dunha antena parabólica
e máis un receptor. As persoas interesadas poden contratar diferentes paquetes
de solucións, engade a empresa, incluíndose múltiples
tarifas que parten das seguintes ofertas de base: 1 Mbps a 25 euros máis
IVE con 2 Xb de transferencia e as mesmas condicións sen límite de
transferencia a 39,9 euros.