Qualcomm facilitará a implantación do 4G co seu novo chipset de 64 bits

martes, 10 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Un dos fabricantes de procesadores do momento é sen dúbida Qualcomm, que está a dominar o mercado achegando o cerebro a boa parte dos smartphones e tablets que temos no mercado, e esta semana introduce o seu novo chipset Qualcomm Snapdragon 410 con LTE (4G) integrado, o que vai supor un importante pulo para a adopción do 4G, pois estamos ante un procesador de gama media que tamén é rechamante por ser de 64 bits (deixando claro que Qualcomm está a colocar os alicerces que garantan o seu futuro).
O Qualcomm Snapdragon 410 integra unha gráfica Adreno 306 para poder mover gráficos detallados, permite reproducir vídeos a 1.080p sen problema e incluso soporta cámaras de ata 13 Mpíxeles, polo que é un digno procesador para numerosos smartphones, entre os que sen dúbida destacarán os modelos que veremos que comercializan en mercados emerxentes como a China e a India, pois é compatible con configuracións de dobre e tripla SIM, habituais neses mercados.
O novo chipset está preparado para funcionar en dispositivos con Android, Windows Phone e Firefox OS, e comezará a remitirse aos desenvolvedores na primeira metade de 2014, para estar presente en produtos comerciais na segunda metade de 2014.
Espérase que esta tecnoloxía sexa especialmente importante á hora de facilitar a comercialización de smartphones de gamas media-baixa con conectividade 4G, o que é a grande vantaxe do novo chipset, aínda que tamén sexa salientable o feito de que esteamos ante os primeiros procesadores de 64 bits do seu fabricante.

PUBLICIDADE