Qualcomm desvela a plataforma móbil Snapdragon 888+ 5G

luns, 28 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Outra das marcas ausentes fisicamente do Mobile World Congress de Barcelona, Qualcomm, aproveitou a data para realizar unha presentación sobre a súa visión sobre o impacto da 5G no futuro e anunciar a nova plataforma móbil Snapdragon 888+ 5G.
Coa plataforma Qualcomm Snapdragon 888+ 5G temos a habitual renovación dos procesadores insignia de Qualcomm que non chegan a supor un salto de xeración, pero si un incremento de potencial, que desta volta aseguran que chegaría até a superar o 20% de mellora de rendemento, converténdose no vindeiro referente que terán os smartphones con Android de alta gama que chegarán na segunda metade do ano. Qualcomm confirma que Asus, Honor, Motorola, Vivo e Xiaomi xa preparan móbiles con estes procesadores.
Estes procesadores veñen acompañados por un modem Snapdragon X60 5G que tamén promete velocidades de acceso á Internet sen precedentes, aproveitando ao máximo as conexións 5G e Wi-Fi 6 e 6E. E as súas capacidades para a intelixencia artificial tamén prometen mellorar a captura de fotografías e vídeo dende os móbiles que integren a nova tecnoloxía de Qualcomm, permitindo a gravación de vídeo 4K con HDR.

PUBLICIDADE