PuntoGal publica unha caixa de ferramentas de ciberseguridade para pemes

mércores, 2 de novembro do 2022 S. P.

Froito da súa incorporación (o ano pasado) á Global Cyber Alliance (GCA), a organización internacional adicada a afrontar os riscos cibernéticos e facer da Rede un lugar máis seguro, a Asociación PuntoGal está a converterse tamén nun dos grandes referentes da Internet galega en materia de seguridade online. De feito, a dita incorporación situou a PuntoGal como a primeira entidade galega en sumarse a esta alianza global, dentro da súa política de “reforzar a seguridade do ámbito dixital”. Ao abeiro deste marco de traballo, este novembro publicouse unha caixa de ferramentas para mellorar a salvagarda da información e as comunicacións nas pequenas e medianas empresas en galego, á que se pode acceder dende dominio.gal.
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinalou que “esta caixa de ferramentas, a primeira de varias que temos en proxecto, permite ás pemes dar un primeiro paso no diagnóstico e prevención de posíbeis problemas de seguridade, que poden dar tranquilidade aos administradores ou sinalar a necesidade de buscar asistencia con cuestións puntuais”.
Janeiro engadiu que “ao longo destes meses e no ano 2023 iremos publicando novas caixas de ferramentas sectoriais, sempre pensadas como algo práctico, sinxelo de usar e con opcións gratuítas, e ofrecendo protección aos dominios a través da plataforma Domain Trust, un proxecto promovido pola GCA para facilitar o intercambio de información sobre dominios maliciosos, unha das infraestruturas esenciais usadas pola ciberdelincuencia."
Pola súa banda, Brian Cute, director do programa de capacitación e resiliencia da GCA, sinalou que “o traballo da GCA pola confianza e a seguridade de Internet desenvólvese nunha dobre dinámica global-local, e a nosa colaboración con PuntoGal é un exemplo perfecto disto. Primeiro, con Domain Trust, PuntoGal levou a escala global a protección dos dominios .gal, criados localmente. Agora, coa caixa de ferramentas, leva aos usuarios dos seus dominios, pemes, asociacións e administracións locais, a protección das ferramentas ofrecidas polos nosos socios internacionais. Esta colaboración é un modelo a seguir con outros socios con forte presencia local.”

PUBLICIDADE