PuntoGal patrocina o campionato europeo de fútbol gaélico de Pontevedra

mércores, 13 de xullo do 2022 Redacción

O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González e o da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal PuntoGal patrocinará o Campionato Europeo deste deporte, o único no que Galicia ten unha selección que compite internacionalmente, e que se celebra esta fin de semana en Pontevedra.
Este campionato, que se celebra en Pontevedra e Poio entre o xoves 14 e o domingo 17 de xullo, é o evento de mais alto nivel nas competicións de fútbol gaélico en Europa. Esta terceira edición significa a consolidación do evento, coa participación de vinte cinco equipos en tres categorías. En todas as categorías compiten seleccións galegas.
As fases eliminatorias do campionato poderanse seguir nas plataformas de streaming da Asociación de Fútbol Gaélico e as finais serán emitidas pola TVG o sábado 16 a partir das 20:00 horas.

PuntoGal e o fútbol gaélico

O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinalou que esta colaboración é “un xeito de promover valores deportivos aliñados cos de PuntoGal, así como formentar a participación en competicións internacionais nas que o entendemento e o sentimento de comunidade están por riba da mera competencia”. Janeiro apuntou que “un campionato europeo supón un acontecemento de primeiro nivel que lle da visibilidade a un deporte inclusivo que está medrando dun xeito espectacular en Galicia“.
Pola súa banda, Angel Negrete, presidente da Asociación de fútbol gaélico, quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “pon, unha vez máis, o fútbol gaélico galego no mapa mundial, con todo o que iso significa para a visibilidade do noso deporte”. Negrete tamén salientou que “a sinatura ven a constatar a implicación e apoio reiterado por parte de PuntoGal ao noso proxecto, resultando clave na consecución dos obxectivos, especialmente de difusión, que nos estamos marcando todos os anos”.
A colaboración de PuntoGal coa Asociación de fútbol gaélico chega así ao seu cuarto ano. En ocasións anteriores xa apoiou a presenza da selección galega noutros campionatos previos á parada que impuxo a COVID-19, e no pasado outono puxo en marcha a iniciativa gaelicolescolas.gal, que busca a difusión deste deporte e os seus valores entre a xente nova.

PUBLICIDADE