PuntoGal inicia unha campaña de consellos prácticos sobre ciberseguridade

mércores, 16 de febreiro do 2022 Redacción

PuntoGal, en colaboración con Arsys, inicia hoxe unha campaña de consellos prácticos sobre #ciberseguridade na súa web e nas redes sociais para concienciar da súa importancia a webmasters, administradores de rede e cidadanía en xeneral. Mediante unha serie de artigos que se publicarán de forma periódica na web de PuntoGal, as dúas entidades difundirán os conceptos máis importantes nesta materia en ámbitos como o do correo electrónico, a protección dos datos, os formularios web, as técnicas de ciberataque máis habituais… e todo tipo de recomendacións para mellorar a nosa seguridade en liña.
PuntoGal, que supera xa los 6.200 dominios rexistrados, «comeza o novo ano reforzando a súa aposta pola ciberseguridade, especialmente no ámbito da concienciación e a prevención. Ese é o punto central deste proxecto conxunto con Arsys, no que insistiremos en las medidas básicas de defensa e daremos a coñecer os termos e as técnicas de ataque máis comúns» comenta Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal. A iniciativa «reforza a nosa implicación neste tema, iniciada coa adhesión á Global Cyber Alliance en 2021, o que converteu a PuntoGal na primeira entidade galega que forma parte dela».
«A ciberseguridade é unha de las principais preocupacións das nosas empresas. Aínda se dan demasiados casos nos que as nosas pemes deciden incorporar as medidas máis básicas nesta materia cando teñen que poñer remedio a problemas máis ou menos serios. En seguridade é fundamental ser proactivo e é necesario seguir insistindo na concienciación. Ese é precisamente o obxectivo da nosa colaboración coa Asociación PuntoGal, ofrecer a particulares, micro empresas e pemes galegas información útil que os axude a conseguir negocios máis seguros, para eles e para os seus clientes», explica Nieves Franco, CEO de Arsys.

PUBLICIDADE