PuntoGal e Vinte convocan un concurso de creación audiovisual en liña

xoves, 14 de maio do 2020 Redacción

O dominio PuntoGal e a revista dixital Vinte convocan un concurso de creación audiovisual en Instagram co título Vinte con outros ollos, iniciativa que consiste na creación dunha peza de vídeo inferior a 1 minuto na que cada participante amose a realidade exterior cunha ollada distinta a como a vía antes da crise do coronavirus.
Para incentivar a creación en galego na Rede, esta iniciativa premiará vídeos inéditos que se publiquen en Instagram entre o días 14 e 31 de maio co respondendo á temática proposta (os cambios na nosa mirada tras o confinamento) e usando o cancelo #VinteConOutrosOllos.
Encargarase de valorar a calidade das pezas un xurado composto por 5 creadores galegos de nova xeración: o escritor Jesús Castro Yáñez, a música Elba Souto, o cineasta David Fidalgo Omil, a comunicadora Andrea Villa Feijóo e a actriz Cris Iglesias. Cada un deles preparou un vídeo contribuíndo a esta nova ollada e que servirá de exemplo e inspiración para todas as persoas que queiran participar.
O concurso está dirixido a calquera persoa maior de idade, usuaria de Instagram, que queira participar publicando na súa conta desta rede social un vídeo non superior a un minuto que se axuste á temática, que utilice o galego nos textos que acompañen a publicación e que use o cancelo #VinteConOutrosOllos. Para completar o proceso de participación haberá que cubrir un formulario en liña.
Haberá cinco premios para os mellores vídeos. O primeiro premio consistirá nunha cámara GoPro de última xeración e cada un dos 4 finalistas recibirá un bono de 100 euros para usar nunha das catro librarías colaboradoras, todas elas con tenda en liña: NUMAX (Santiago de Compostela), Librería Trama (Lugo), Airadasletras (Allariz) e Libraría Paz (Pontevedra). As persoas gañadoras daranse a coñecer na primeira quincena do mes de xuño.

PUBLICIDADE