Pulo internacional aos viños galegos a través da Rede

luns, 10 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Segue adiante co novo ano a inventiva galega ao servizo de novas formas de venda, comunicación e distribución. Entre os casos máis salientables dos que tivemos constancia nos últimos días, sobre todo polo que ten de tender pontes entre o tradicional e o moderno, figura vinogallego.com, un portal que se ben presenta eivas que solucionar (como a ausencia dunha versión dos seus contidos na nosa lingua), achega unha serie de servizos de interese para tódolos seareiros da nosa gastronomía, non só a que xorde das viñas e as adegas. De feito, os responsables desta páxina web (que non é nova, pero que se renova cada pouco) dedícanse a vender a través dela todo tipo de produtos galegos e envialos a calquera recanto do territorio estatal, e sen pecharlle as portas á distribución internacional, unha liña de actividade que se prevé comezo de contado.
Detrás desta iniciativa, cóntase nunha completa reportaxe dende Galicia Hoxe, atópanse os irmáns Pablo e Emanuel Casais, dous arxentino-galegos que levan xa uns cantos anos buscándolle á nosa cultura gastronómica novos escenarios onde expresarse e afianzarse, labor que complementa a venda directa coa achega puntual e exhaustiva de información sobre a comida e a bebida da nosa terra. Por certo que esta información vén da man dos propios responsables da páxina pero tamén de especialistas en caldos da máis variada procedencia (adegueiros, enólogos, etc), cada un co seu caderno persoal propio. A día de hoxe, o portal ten un importante número de visitas, unha cifra que en certas xornadas pode chegar aos 5.000 accesos. O radio de alcance da web medrará os meses vindeiros coa apertura de tendas en liña específicas para certos países da UE, como por exemplo Reino Unido, que é un dos que máis interese amosa (precisamente) no viño galego.

PUBLICIDADE