Pulo ao proxecto que lidera Arteixo Telecom para modernizar o transporte e os servizos socio-sanitarios

luns, 14 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Unha vista do interior das instalacións de Arteixo Telecom no concello das Pontes

A empresa galega Arteixo Telecom vén de obter o apoio financeiro do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) para liderar unha iniciativa innovadora en materia de modernización dos sectores do transporte e os servizos sociosanitarios. Máis polo miúdo, trátase do proxecto Aplicacións e produtos sobre tecnoloxía de conectividade AnyWire nos sectores do transporte e sociosanitario. Esta iniciativa apoiada agora polo CDTI vén da man de seis empresas integradas nun consorcio e dun centro tecnolóxico, todo isto liderado pola devandita empresa galega. A decisión do centro tecnolóxico de impulsar orzamentariamente este proxecto suporá o financiamento do 75% do total, que vai alén dos cinco millóns de euros. Este apoio, sinala Arteixo Telecom, permitirá sacar adiante un proxecto de investigación que reúne a entidades de tres comunidades autónomas e que uniron as súas capacidades para desenvolver aplicacións de tecnoloxías da información para sectores clave como son o do transporte e o dos servizos socio-sanitario.
Máis en detalle, o proxecto apóiase nas posibilidades da tecnoloxía AnyWire, “única a nivel mundial pola súa capacidade para transmitir de xeito simultáneo por máis de un medio (coaxial, telefónico, eléctrico), ofrecendo ademais a posibilidade de canle dupla, o que garante a fiabilidade das comunicacións”, informa a empresa galega. A tecnoloxía, que achega polo tanto importantes melloras en conectividade e accesibilidade, ten un gran potencial para o sector do transporte, en tódalas súas modalidades (automoción, transporte de pasaxeiros e de mercadorías por estrada, ferroviario, naval e aeronáutico). Asemade, presenta grandes vantaxes para o sector sociosanitario, ao permitirlle un importante aforro de custes e unha meirande calidade no servizo.
O obxectivo que se propón coa iniciativa que lidera Arteixo Telecom é desenvolver produtos e aplicacións para cada un dos nichos de mercado, definindo os posibles escenarios e casos de uso para cada sector. Segundo informa a empresa galega, trátase do primeiro proxecto de investigación encamiñado á creación de ferramentas de AnyWire nos devanditos sectores produtivos, xa que se trata dunha tecnoloxía concibida nun principio para a conectividade dos dispositivos electrónicos do fogar e, até o de agora, os desenvolvementos limitáronse a este eido.
A alianza empresarial constituída arredor deste proxecto está integrada por seis empresas complementarias na súa actividade, o que serve de exemplo idóneo para reforzar a idea da colaboración como método imprescindible da competitividade e do desenvolvemento. En total, falamos de seis empresas procedentes de Andalucía (Isotrol), Catalunya (Gible Networks) e Galicia (Arteixo Telecom, Level Telecom, Cablerías Auto e Castrosúa). Asemade, participa activamente no proxecto o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia. A maiores, conta co axuda do Centro Tecnolóxico da Pesca, Gradiant, a Fundación TecnoCampus Mataró-Maresm (NetLab) e, a Fundación i2CAT e a Universitat Politécnica de Catalunya.

PUBLICIDADE