Publican unha tradución ó español do último libro de Harry Potter

xoves, 26 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Versión en PDF do libro

Os seguidores das aventuras de Harry Potter están molestos co tratamento que lles dá a editorial que conta cos dereitos da obra de J. K. Rowling para España, e xa co anterior libro se botaran á Rede para facerse con versións do texto traducidas ó español. Agora non é diferente, e mesmo crearon un blog no que foron publicando os distintos capítulos que tamén se recompilaron nun ficheiro en formato PDF deixando constancia de que as barreiras xeográficas para a distribución cultural (de música, literatura e cine) carecen de sentido no mundo actual, de xeito que a tendencia ás estreas mundiais é moi recomendable.

Blog coa tradución do libro de Harry Potter

A tradución do texto se realizou en grupo, para axilizar a operación, de xeito que a poucos días da aparición do libro británico en papel (que tamén se vende en tendas españolas) xa se pode ler nunha tradución pouco profesional en español (pero que chega para satisfacer a curiosidade dos seguidores do mozo mago que queiran saber cómo remata a súa saga literaria).
Neste momento o blog Spanish Hallows que ofrece o libro en español xa acadou máis de 800.000 visitas, e o feito de que publicasen unha versión nun único ficheiro disparará a súa difusión tamén a través de redes P2P, polo que o número de copias dixitais deste libro non oficial podería chegar a millóns.
Este tipo de colaboracións para dar lugar a traducións de textos é máis habitual do que se poida pensar, e mesmo hai grupos que empregan ferramentas tipo wiki para adaptar subtítulos de películas e series de televisión ó español o que non só é útil para unha tradución rápida, senón tamén para unha maior corrección, xa que uns usuarios poden corrixir os erros dos outros.

PUBLICIDADE