Publican o código fonte da ferramenta INclúe

luns, 6 de xuño do 2016 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coa Consellería de Política Social vén de publicar no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia o código fonte da ferramenta tecnolóxica INclúe baixo licenza libre.
Esta ferramenta é un dos resultados do proxecto que leva por nome Proxecto INclúe: Innovación para la Inclusión social e no que participan como socias a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión; a entidade de acción social Emáus Fundación Social; e a consultora tecnolóxica EOSA. O proxecto contou co apoio financeiro do Programa de Cidadanía Activa pertencente ao Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA) 2009-2014.
Un dos retos deste proxecto consistía en desenvolver unha ferramenta tecnolóxica que facilitase a valoración técnica das situacións de exclusión social con criterios homoxéneos, que puideran ser aplicados polas entidades públicas e privadas que operan no ámbito da inclusión social en Galicia.
Agora a AMTEGA e a Consellería de Política Social publican INclúe con licenza libre para que poida ser reutilizada noutras comunidades, e mesmo que se cree unha comunidade de usuarios ao seu redor que permita mellorar a ferramenta.
Un dos principais obxectivos do Proxecto Inclúe consistía en deseñar un modelo de atención social innovador, centrado na persoa, definido en clave de calidade de vida, igualdade de oportunidades para mulleres e homes, dereitos, autonomía e cidadanía das persoas en situación de exclusión social.
Neste escenario, considerouse esencial deseñar ademais unha ferramenta tecnolóxica que permitise realizar unha valoración técnica o máis obxectiva posible, que reduza arbitrariedades e que contribúa a dispoñer de criterios homoxéneos sobre o fenómeno da exclusión social.
En base a estes criterios creouse a ferramenta INclúe, que permite o cálculo de ata 100 indicadores, configurados en 4 grandes dimensións, que tratan de obxectivar a valoración da situación dunha persoa nun momento concreto e facilitar a avaliación das intervencións. Para todos estes casos ademais a ferramenta actúa como unha gran base de datos na que se almacenan os resultados para posteriores consultas ou análises.

PUBLICIDADE