Publican a relación de gañadores do certame Lingua de namorar

mércores, 22 de marzo do 2017 Redacción

As Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, respectivamente, fan pública hoxe a resolución da quinta edición do certame de declaracións de amor na Rede, no que participaron preto de 600 mozos e mozas durante as catro semanas nas que se desenvolveu o concurso, ben enviando mensaxes, ben como votantes. O prazo de participación estivo aberto do 14 de febreiro ao 5 de marzo e, a partir do 6 de marzo os usuarios e usuarias puideron votar polas súas mensaxes favoritas ata o 10 deste mesmo mes.
O xurado, presidido pola escritora María Canosa, concedeu os seis premios establecidos nas bases a outras tantas mensaxes elixidas de entre as máis votadas no concurso, polo grao de elaboración, orixinalidade e calidade lingüística das declaracións de amor que presentaron. Para alén dos premios, o xurado decidiu conceder tamén unha mención de honra.
Así, na categoría A, de 14 a 19 anos, de entre as 52 mensaxes que recibiron sete ou máis votacións, resultaron gañadora do primeiro premio Sara Caride Blanco (Cambados, Pontevedra), coa mensaxe “Eternidade”; do segundo Inés Amado Rodríguez (Cuntis, Pontevedra), pola mensaxe “Escribindo poesía”; e do terceiro Ana Barros Fernández (Marín, Pontevedra), pola mensaxe “Foliada de mel”. Na categoría B, de 20 a 35 anos, Diego Arranz Fernández (Ourense), gañou o primeiro premio coa mensaxe “Ti, produto de risco”; Estefanía González López (Santa Comba, A Coruña) o segundo pola mensaxe “De Rosalía a Benedetti”; e Rubén Barreira Blanco (Verín, Ourense) pola mensaxe “Contando”.
O xurado tamén decidiu conceder unha mención de honra, pola súa frescura e denotación pola identidade e lingua propias, á mensaxe “En galego”, de Anabel López Blanco (Melide, A Coruña). As mensaxes gañadoras pódense ler na páxina do concurso.

PUBLICIDADE