Publicado o decreto que impulsa a participación da Administración galega nas redes sociais

venres, 28 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Este venres o Diario Oficial de Galicia publica o Decreto que ordena e estipula a actividade da Administración en Internet, un regulamento destinado a asegurar, entre outras cousas, a accesibilidade e a transparencia informativa das institucións autonómicas na Rede, amais de fomentar a concorrencia das galegas e dos galegos nas canles comunicativas habilitadas entre a Xunta e a cidadanía, no camiño de acadar “un Goberno aberto”, sinálase. Segundo informa a Secretaría Xeral de Modernización, trátase dun novo chanzo no camiño de renovar os aspectos informativos e comunicativos da Administración, amais de outros elementos como a xestión ou o manexo dos datos.
Este decreto situaría a Galicia como a segunda Comunidade do Estado, por detrás de Euskadi, que conta cun regulamento desta natureza. Xa nun plano máis específico, dicir que o decreto fixa as iniciativas para fomentar o emprego das redes sociais como vehículo para unha relación máis estreita e frutífera Administración-cidadanía e como canle para acadar maior reutilización da información, transparencia e accesibilidade. Este tipo de información, por certo, ten diversas feituras (listaxes, bases de datos, estudos, informes) e achega un gran potencial de uso para cidadáns, que melloran o seu coñecemento sobre as accións das institucións públicas, e para empresas, que teñen mellor acceso a axudas, estudos de mercado, convocatorias de todo tipo, etc. En definitiva, axudaríalle ao noso tecido produtivo a xerar emprego e riqueza “ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións e prestacións en base a esta información”. Ademais, aos axentes económicos e sociais poderán ter unha maior axilidade na toma de decisións ao dispoñer de forma fácil e accesíbel información administrativa, financeira, xurídica, sinala Modernización.
Polo que respecta ao uso e potenciación das redes sociais, un dos elementos clave do decreto, dicir que se propoñen como canles de diálogo e colaboración, consulta e suxestións, datos que lle axudarían ao Goberno galego a dar forma as diversas iniciativas que abrollen do seu seo. Con todo esta presenza nos servizos 2.0 non é nova. Segundo informa Modernización, a Administración autonómica leva dende hai tempo aumentando de xeito progresivo a súa presenza nestas canles e, arestora, arredor de 15 departamentos da Xunta teñen contas en redes sociais como Facebook, Twitter, Tuenti, Flickr, Youtube e Vimeo e portal corporativo www.xunta.es conta con preto de 5.000 seguidores en Facebook e Twitter.

PUBLICIDADE