Publicada a última Enquisa ás empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia

martes, 13 de outubro do 2009 Raquel Noya

O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), co obxectivo de analizar a situación e a evolución das empresas das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) na nosa Comunidade, ven de publicar a última Enquisa ás empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia 2008, que conta co maior número de indicadores sobre a implantación das novas tecnoloxías no tecido empresarial TIC do noso país e que foi realizada sobre 330 empresas do sector das TIC en Galicia.
Entre as principais conclusións deste estudo, o OGSI destaca, entre outras cousas, “a evolución positiva das cifras de negocio do sector das TIC en Galicia, a súa capacidade para xerar emprego cualificado e o nivel de innovación tecnolóxica acadado,así como as previsións de expansión do mercado TIC galego”.
O OGSI, dependente da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, permite, co seu labor, un mellor coñecemento da realidade do sector TIC, monitorizando a súa evolución e dando a coñecer a situación actual e previsible a corto e longo prazo.
O devandito estudo destaca, asemade, a posición estratéxica do sector TIC pola súa contribución á economía de Galicia así como pola súa capacidade de xeración de emprego. A cifra media de negocio das empresas TIC con todos os seus establecementos en Galicia, correspondente ao ano 2007 (últimas cifras dispoñibles cando se procedeu á recollida de datos), ascendeu a 2.373.111,8 euros, o que supón un incremento constante do volume de negocio deste sector, quedando agora por riba dos 2.500 millóns de euros. O volume de negocio das empresas TIC segue procedendo maioritariamente da súa actividade no mercado galego e este está orientado maioritariamente aos servizos. O desenvolvemento de produtos software constitúe a actividade principal para o 49,3 por cento das empresas do sector TIC, seguido dos servizos de software (44,9 por cento) e de consultaría (41,5 por cento) e, tras deles, os servizos de mantemento e outsourcing e a venda e instalación de hardware.
O informe tamén salienta a importante presenza de titulados universitarios no cadro de persoal das empresas TIC, e revela que aínda existen importantes diferenzas segundo o xénero, só tres de cada dez empregados no sector TIC son mulleres, se ben no último ano a súa presenza no sector experimentou un crecemento de 3,4 puntos porcentuais.
A formación nas empresas TIC é un factor chave de cualificación e competitividade, por iso, un 48,5 por cento das empresas facilitaron formación TIC ao seu persoal no último ano. Nestas empresas, un 61,5 por cento dos seus empregados/as asistiu ás actividades formativas relacionadas coas TIC.

Equipamento e servizos TIC
O estudo do OGSI afirma que o equipamento TIC está amplamente estendido entre as empresas do sector, reiterando os resultados ano anterior. Un 75 por cento das empresas galegas do sector dispón de rede de área local sen fíos (WAN), 4,9 puntos porcentuais máis ca no ano 2007, e esta proporción ascende ata o 90,8 por cento cando se trata da rede de área local convencional (LAN).
A práctica totalidade das empresas TIC dispón de conexión a Internet a través de banda larga (97,1 por cento), e máis do 84 por cento, asemade, dispoñen de páxina web.
Por outra banda, outro dato relevante extraído do estudo indica que “máis da metade das empresas TIC galegas (52,2 por cento) dispón de software libre”, destacando a súa implantación nos servidores, e nun segundo lugar, nos postos de usuario, tanto no relacionado con paquetes de ofimática como no propio sistema operativo.
No capítulo do comercio electrónico, cabe salientar que o 77,6 por cento das empresas TIC galegas con persoal asalariado realizou compras a través de Internet no último ano e máis da metade das empresas TIC galegas introduciron bens ou servizos novos ou mellorados de maneira significativa no período 2005-2007.

PUBLICIDADE