Publicada a primeira convocatoria para acadar a certificación de competencias dixitais en ofimática da Xunta

xoves, 25 de setembro do 2014 Redacción

O Diario Oficial de Galicia publicou este xoves a primeira convocatoria para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (360 prazas), un recoñecemento que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e que se obtén participando nun curso de preparación na modalidade de teleformación (aulas CeMIT) e superando as probas pertinentes relativas ao aprendido na dita actividade. Para acceder a este curso esíxesenos que sexamos maiores de 16 anos, estarmos dados de alta como usuarios da rede CeMIT e abonarmos a taxa correspondente aos dereitos de exame.
O curso, con 190 horas de formación, habilitará ao alumnado para a realización da proba de avaliación que será preciso superar para obter a certificación. Segundo explica AMTEGA, isto recóllese no Decreto 218/2011 que regula o dito proceso, que terá carácter presencial para garantir a calidade e transparencia do proceso de acreditación. Por certo que no transcurso da actividade formativa, os participantes afondarán nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, integrado arestora polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia recentemente publicada e concretamente na súa modalidade de Software Libre, é dicir, GNU/Linux e LibreOffice.
No vindeiro mes de outubro, lembra AMTEGA, publicarase mediante nova resolución no DOG a convocatoria de exames presenciais en diferentes aulas CeMIT para avaliar a todas aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios sen necesidade de realizar cursos de formación.

PUBLICIDADE