Proxecta achegará acubillo para as innovacións educativas do noso profesorado

luns, 17 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Da man das fundacións Amancio Ortega e Santiago Rey, chega con este novo curso un novo servizo galego dirixido a impulsar a innovación educativa e, máis polo miúdo, a formación TIC dos nosos mestres. Falamos de Proxecta, agora xa en aberto e logo dun período de acceso restrinxido. Trátase dunha rede social, un acubillo 2.0 en galego e castelán, para a nosa comunidade docente onde se pon a disposición do profesorado recursos innovadores, formación específica e estratexias de traballo en mancomún para o desenvolvemento de ferramentas novas.
A plataforma encamíñase a dar servizo a mestres de educación infantil, primaria, secundaria, educación especial, bacharelato e formación profesional. Permitiralles formarse, como dixemos, pero tamén dar forma ás súas propias propostas de innovación educativa, someténdoas a valoración e posibilitándolles, coma se dunha rede social de traballo se tratase (porque se trata dunha rede social), a procura de colaboración. Tamén haberá concursos que recoñecerán o valor das mellores iniciativas desenvolvidas ao seu abeiro. Detrás deste proxecto, alimentándoo, atópase un grupo de expertos en educación e TIC, que escolman da Rede os recursos educativos máis salientábeis e de meirande potencial para a nosa terra, dan forma aos contidos pedagóxicos e procuran satisfacer do xeito máis eficaz as demandas dos alumnos e profesores da nosa terra. A plataforma foi posta en marcha polas fundacións Amancio Ortega e Santiago Rey Fernández-Latorre co obxectivo de impulsar a innovación educativa e máis a calidade do ensino.

PUBLICIDADE