Prosegur empregará o posicionamento en interiores da galega Situm

mércores, 29 de xuño do 2016 Redacción

A empresa de seguridade privada Prosegur vén de informar da adquisición de nova e revolucionaria tecnoloxía para incorporar á súa plataforma de xestión de recursos móbiles iTRACK. Estamos a referirnos á tecnoloxía da firma galega Situm, máis en detalle á súa ferramenta de posicionamento en interiores. Coa axuda de Situm poderase profundar nos servizos asociados a iTRACK, que segundo Prosegur "son de aplicación en diversos ámbitos, e que perseguen unha maior eficiencia do uso dos recursos onde hai unha alta concentración de persoal." A tecnoloxía de Situm, resultado de máis de 8 anos de investigación, axudará a Prosegur a prover aos seus clientes da máxima precisión en localización coa mínima infraestrutura.
Os desenvolvementos da empresa galega permiten comprobar en todo intre a localización dos vixiantes, o que se traduce nun tempo de resposta mínimo perante calquera incidencia. Asemade, coa plataforma iTrack pódense desenvolver un conxunto de funcionalidades adicionais que permiten incrementar a produtividade e a seguridade, maximizando as súas opcións de mercadotecnia baseada na localización, minimizando o custo, a marxe de erro e reducindo o tempo de despregamento respecto doutras tecnoloxías de posicionamento nun factor de até 10.
Como conclusión, a unión de Prosegur e o servizo de localización en interiores de Situm (unha plataforma global, escalábel e baseada na nube) permitirá incrementar a produtividade en todo tipo de equipos de traballo. Ademais, impulsará a seguridade a unha ampla gama de clientes cuxas operacións cotiás impliquen unha concentración alta de persoal e usuarios: aeroportos, hospitais, estadios deportivos, eventos, universidades, fábricas, centros comerciais, etc.
A xeito de curiosidade, podemos engadir que Situm foi escollida polo SERGAS (Servizo Galego de Saúde) como ferramenta de localización, navegación e asistencia amais de ser elixida como unha das tecnoloxías máis innovadoras de 2016 no Mobile World Congress.

PUBLICIDADE