Propoñen acender cat-sinais na defensa da Internet

venres, 13 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Os opositores a ACTA, SOPA e PIPA poderán sentirse superheroes por unha noite

A Liga pola Defensa da Internet (IDL) é unha rede de persoas e sitios web que unen forzas para defender a liberdade e mellora da Internet, e como acto de presentación desta organización e para chamar a atención sobre a súa causa propoñen unha orixinal iniciativa que consiste na creación dun “bat-sinal para a Internet”, consistente nun enorme foco que en vez de proxectar a figura dun morcego, fai o propio coa cara dun gato (cat en inglés). E para que este proxecto sexa realmente rechamante, tamén elixiron ben a súa data, que sería a noite do vindeiro día 19 precedendo a estrea do novo filme de Batman.
Polo momento este proxecto está a buscar financiamento (19.000 dólares) para poder montar estes cat-sinais en 5 cidades do mundo (San Francisco, New York, Washington, Londres e Ulán Bátor) ás que poderían engadirse algunhas outras nos vindeiros días (o proxecto está aberto a adhesións).
Este proxecto de crowdfunding recompensará aos seus mecenas con lanternas que proxectan o cat-sinal e incluso coa posibilidade de poder empregar un dos proxectores desta iniciativa durante unha noite (o que podería servir para colocar unha cidade no mapa da IDL e, sen dúbida, pasar unha noite inesquecible).

PUBLICIDADE