Prohiben cautelarmente a actividade de Uber no territorio español

martes, 9 de decembro do 2014 Marcus Fernández

O xuíz do Mercantil nº 2 de Madrid ordenou o cesamento e a prohibición en todo o territorio español o sistema Uber que facilita o contacto de usuarios e condutores para os seus desprazamentos a través de cidades españolas (actualmente Madrid, Barcelona e Valencia). O auto acorda medidas cautelares a petición da Asociación Madrileña do Taxi, de cara á interposición dunha futura demanda contra Uber. O xuíz aceptou a medida por considerar que os condutores contratados carecen de autorización administrativa para desenvolver a actividade que pode considerarse competencia desleal.
A resolución xudicial destaca que non estamos ante un debate filosófico sobre a liberdade de mercado, senón “unha protección cautelar baseada na legalidade vixente”. O xuíz chega a esta conclusión porque a lei de competencia desleal determina que cando se infrinxen as normas que son esixidas para actuar nun mercado a infracción en si é unha acción desleal.
O auto con data de hoxe tamén oficia ás empresas de telecomunicacións e pagamento electrónico que prohiban todo tipo de transaccións e aloxamento ás empresa Uber.
Curiosamente o caso español de oposición a Uber non é o único do que está a darse conta hoxe, pois coincide coas medidas que están a emprender contra a compañía na India e en Tailandia. No caso tailandés matizan que non prohiben directamente a actividade de Uber, senón o uso de vehículos sen rexistrar; mentres que na India as accións contra Uber están enmarcadas nun polémico caso de violación, no que están a estudar a posibilidade de considerar a posibilidade de que o servizo en liña teña responsabilidade legal no acontecido.

PUBLICIDADE