Prognóstico para 2008: a metade dos internautas accederán á Rede co móbil

luns, 23 de abril do 2007 Raquel Noya

Cada ano son máis os que se conectan á Rede a través dos seus teléfonos móbiles, algo impensable se botamos unha ollada ás posibilidades de conexión que había hai algúns anos atrás. Pero a evolución da telefonía neste eido foi tal que, segundo indica un estudo realizado pola Asociación Española de Empresas de Consultoría (AEC), (que reflicte Europa Press), para 2008 máis da metade dos usuarios accederán a Internet dende os seus móbiles.
O afianzamento deste relativamente novo xeito de acceder a Internet suporá a creación dunha extensa base de clientes potenciais para os servizos tradicionais de transmisión de datos e voz, así como o primeiro paso para a introdución de novas ofertas de servizos anovadores.
Favorecido polo desenvolvemento das últimas tecnoloxías de acceso como 3G, sen fíos LAN ou WIMAX, o sector das telecomunicacións encamíñase progresivamente cara á converxencia das redes fixa e móbil, e (segundo informa a dita Asociación) unha vez que este proxecto se consolide, o usuario poderá pagar en función do servizo empregado e dos contidos que consuma, con independencia da tecnoloxía de acceso da que fixo uso.
O estudo da AEC tamén sinala que, para que se leve a cabo a devandita converxencia, debe incrementarse a demanda destes servizos, a extensión das infraestruturas de acceso e a dispoñibilidade de terminais que permitan aproveitar esta tecnoloxía.
É por iso que os fabricantes de telefonía están desenvolvendo terminais que xa incorporan o acceso á Rede e as operadoras están a lanzar ó mercado tarifas de telefonía móbil e Internet a prezos cada vez máis competitivos.

PUBLICIDADE