Profesionais 4.0 abre o prazo para solicitar axudas á contratación de xente nova

martes, 6 de agosto do 2019 Redacción

Impulsar o emprego e facelo nun ámbito en crecemento que abre portas, a curto e medio prazo, a máis crecemento. O ámbito das tecnoloxías intelixentes aplicadas ás empresas. Este é un dos grandes obxectivos do programa de impulso á Industria 4.0 que lidera a Consellería de Economía a través do IGAPE. Por certo que o prazo para solicitar a nosa participación no programa, que prevé a contratación de 140 mozas e mozos menores de 35 años, ábrese este mércores 7. A iniciativa está aberta a demandantes con titulación universitaria ou de técnico superior de Formación Profesional (FP).
A través desta liña de axudas, denominada Profesionais 4.0, e dotada con dous millóns de euros, incentivarase a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clústeres, para “a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no eido da Industria 4.0”.
Segundo informa o IGAPE, as devanditas iniciativas de mellora poderán levarase en cabo nun amplo abano de contornas: optimización financeira, profesionalización da produción e da cadea loxística, desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, aposta polo capital humano, asesoramento integral ao proceso emprendedor, dixitalización ou creación de contidos dixitais ou, tamén, incorporación efectiva de tecnoloxía.
O prazo de solicitude para optar a estes apoios rematará o próximo 7 de outubro. A porcentaxe da axuda poderá acadar o 75% da retribución bruta do período a cubrir, cun límite de até 16.000 euros, e cada entidade poderá optar a un máximo de cinco contratos incentivados, cunha duración dun ano cada un.

PUBLICIDADE