Procédese á dixitalización do patrimonio da Fundación Vicente Risco

martes, 17 de xullo do 2012 Raquel Noya

A Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da man do seu máximo representante, Xesús Vázquez Abad, vén de asinar un convenio coa Fundación Vicente Risco, polo que ambas entidades abren un vieiro de colaboración para a conservación e difusión dos fondos bibliográficos e documentais da entidade cultural, a partir, sobre todo, da súa dixitalización.
Para o desenvolvemento do proceso de dixitalización dos fondos, a Fundación Cidade da Cultura vai achegar unha contía de 6.000 euros, que farán posible que as preto de 6.000 páxinas dispoñibles sobre o autor poidan ser conservadas nun formato ben distinto ao habitual.
Ao abeiro deste convenio realizarase, ademais da dixitalización dos documentos, unha descrición bibliográfica dos mesmos, maila creación de copias dos fondos seleccionados para ser entregados á Fundación Cidade da Cultura, de xeito que poidan ser consultados tanto polos usuarios da Biblioteca de Galicia como polos da propia Fundación Vicente Risco.
Asemade, a documentación pasará a engrosar os contidos da Biblioteca Dixital de Galicia (Galiciana), a plataforma virtual posta a andar pola Xunta co obxectivo de difundir e preservar o rico acervo bibliográfico galego.
Con esta iniciativa de dixitalización, a Consellería participa na difusión de material dedicado, neste caso, a Vicente Risco, entre o que se inclúen as primeiras edicións das súas obras, manuscritos, mecanuscritos, debuxos, fotografías e outros fondos que o intelectual galego empregou para a realización de diversos traballos, así como correspondencia, antigos borradores de prensa e diversas obras de Teixeira dedicadas ao escritor ourensán.

PUBLICIDADE