Probas confirman que o Microsoft Edge é o navegador web máis eficiente baixo Windows 10

luns, 20 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Non son poucas as ocasións nas que nos queixamos da reducida autonomía dun ordenador portátil en condicións reais, de xeito que a diferencia entre a duración da batería reproducindo vídeo e navegando pola web é abismal, pero en poucas ocasións consideramos que iso é consecuencia de empregar aplicacións que non son eficientes enerxeticamente e, ao igual que os equipos de Apple teñen normalmente unha autonomía moi superior empregando Safari en vez de Chrome ou Firefox, agora chega Microsoft e pon a proba navegador web incluído en Windows 10, demostrando que pode ser a cura para unha batería que dura pouco.
O Microsoft Edge deseñouse pando prioridade á eficiencia enerxética, sen precisar colocar o navegador en modo de aforro de enerxía para conseguir unha boa autonomía, e para demostralo realizaron probas con equipos con Windows 10 empregando Edge, Chrome Firefox e Opera, con resultados moi reveladores. Tras someter a varios equipos (Surface Book) coa mesma configuración e distintos navegadores ao mesmo tipo de tarefas (buscar en Google, entrar en Facebook, ver un vídeo en YouTube, consultar a Wikipedia...) até que se rematase a súa batería o Microsoft Edge demostrou ser o navegador máis eficiente, seguido por Chrome, Opera (no seu modo de aforro de enerxía) e Firefox, de xeito que o navegador de Microsoft conseguiría entre un 36% e un 53% máis de autonomía que a competencia, aínda que se fuximos das probas de laboratorio e collemos datos de uso globais, achegados por millóns de dispositivos de Windows 10 espallados por todo o mundo (ou sexa, un resultado máis próximo á realidade) teriamos que aínda que Edge mantería o liderado, estaría seguido moi de preto pro Firefox, mentres que Chrome confirmaría a súa ineficiencia.
Outras probas de laboratorio confirmaron os resultados de Microsoft, de xeito que recomendar o uso de Edge en mobilidade parece un consello bastante atinado se queremos ter unha boa autonomía no noso ordenadores portátil, e dende Microsoft aínda prometen mellorar os resultados coa actualización de Windows 10 que chegará este verán.

Vídeo coa proba de autonomía desenvolvida por Microsoft

PUBLICIDADE