ProLingua anima á comunidade galega a celebrar a lingua cunha campaña masiva de videoselfies

venres, 2 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

Achégase o Día das Letras Galegas e a nosa comunidade en liña móvese xa para celebralo ao grande. E ademais, botando man das metodoloxías que precisamente ten máis a man unha comunidade en liña. Ou sexa, campañas nas redes sociais, iniciativas colectivas nas cada quen trae o seu gran de area e, en definitiva, ese tipo de cousas que abranguen a participación de aparellos tecnolóxicos que funcionan como instrumentos para levar a cultura e as letras galegas ao futuro. ProLingua é unha das plataformas que primeiro move ficha. E fíxoo coa campaña Mil primaveras máis para a lingua galega, unha iniciativa que nos convida a gravar vídeos de nós mesmos (videoselfies) dicindo a frase Por min o galego terá mil primaveras máis. A idea é amosar o resultado ao mundo a través da Rede.
As pezas resultantes deberán ser enviadas á conta prolinguagalega@gmail.com antes do 23 de maio. O froito deste traballo será pois unha creación colectiva que amose á perfección o espírito de vitalidade e crecemento que se lle quere dar ao galego a través da campaña. Segundo informan dende Prolingua, “antes de rematar a primavera florecerá unha gravación na que cada compromiso individual dea vida a un compromiso colectivo; sumaremos forzas e ampliaremos a rede de afectos ao redor do idioma para seguir sentindo que a Patria da Lingua Galega terá mil primaveras máis”.
Por certo que o título da campaña fai referencia á xa histórica frase que pronuncio o escritor Álvaro Cunqueiro na homenaxe recibida o 25 de abril en Vigo, un recoñecemento a unha obra e a unha vida que veu da man dos seus amigos e desenvolveuse no Hotel Samil. Engadir que a frase “Mil primaveras máis para a lingua galega”, que figura na lápida do autor de Xente de aquí e de acolá, celebra estes días o seu 35 aniversario, polo que se reforzan os motivos (que xa eran moitos) para que acompañe a iniciativa de Prolingua.
Sinalar tamén que segundo indica Prolingua, os videoselfies que se acheguen á iniciativa pódense gravar co móbil a título individual ou ben constituíndose grupos específicos para a ocasión.

PUBLICIDADE