Privatbank facilitará o salto de SetPay ao mercado portugués

luns, 10 de agosto do 2015 Redacción

A empresa galega SetPay leva un par de anos facilitando o pagamento mediante tarxetas bancarias en mobilidade, e dentro dos seus procesos de internacionalización vén de anunciar que o banco alemán Privatbank avalará as súas operacións financeiras dentro da Unión Europea a través dun acordo que facilitará o seu espallamento internacional nun curto tempo, con especial atención a Portugal, e alcanzar así un rápido crecemento a medio prazo.
Privatbank, unha das entidades máis antigas de Alemaña, é unha compañía que destaca por apostar fortemente pola innovación nos últimos anos, ampliando a súa carteira de servizos online e avalando novas solucións de pagamento. A colaboración coa galega SetPay encóntrase dentro da súa estratexia de I+D+I internacional, establecendo desta forma sólidos lazos coa comercialización de TPV móbiles en España.
O acordo con Privatbank dá un novo pulo á compañía galega, que xa pon o seu punto de mira en Portugal. En palabras de David Pombar, director xeral da empresa, "a situación do mercado luso de medios de pagamento é máis favorable para o noso modelo, e a nosa proximidade cultural e lingüística facilítanos os primeiros pasos. Temos o respaldo financeiro e é un bo momento para crecer".
Os primeiros clientes de SetPay xa están a usar os seus lectores, que se conectan a calquera smartphone ou tablet a través dunha sinxela aplicación móbil, para aceptar pagamentos en calquera lugar no que haxa cobertura de datos ou WIFI. Unha solución pensada para os negocios en mobilidade e autónomos que tamén podería substituír a calquera datáfono grazas á súa versatilidade e boas condicións económicas.
SetPay diferénciase doutros métodos de cobramento por tarxeta porque a contratación do servizo non ten custo de alta, nin cotas fixas mensuais, nin penalizacións por pouco uso, xa que unicamente se aboa comisión por cada transacción realizada. Outra gran vantaxe fronte a outras solucións de pagamento é que é multibanco, o que permite que os usuarios non teñan que cambiar as súas contas para comezar a usar o TPV.

PUBLICIDADE