Primux achega un portátil 360º que se converte en tableta

martes, 1 de marzo do 2016 Redacción

Mentres aínda se deixa ver a pegada no mercado do Notebook 1401, en palabras do fabricante “o primeiro notebook deseñado en España”, a empresa galega Primux recunca cun novo e revolucionario trebello tecnolóxico con capacidade transformer. Falamos do Tour 1101, un portátil deseñado e desenvolvido pola compañía emprazada en Ourense dende o seu centro de I+D (emprazado na Tecnópole) e que, en virtude da súa pantalla táctil e xiratoria (360 graos) é quen de converterse en tableta. Para dar forma a este novo trebello, Primux integrou o sistema operativo Windows 10 e un procesador AtomTM de Intel.
Segundo a compañía, trátase dun aparello especialmente axeitado para estudantes, para quen traballa mentres viaxa ou para uso doméstico. Sobre todo grazas ao seu miúdo tamaño (menos de 30 x 20 cm), a súa pantalla de 11,6 polgadas e un peso que non chega aos 1.500 gramos.
Primux tamén salientou que a súa pantalla táctil ten 10 puntos de “capacitiva” e resolución High Definition (HD). Ademais, permite o uso dun rato USB, xa que ten un porto 2.0 e outro 3.0. A súa memoria interna é de 32 GB. Engádese a opción de usar cartóns microSD de até 64 GB.
Por outra banda, inclúe conexión Wi-Fi e Bluetooth 4.0. Tamén integra un porto mini HDMI co que se pode conectar con televisores, cámaras ou monitores e tanto o teclado como o touchpad poden activarse e desactivarse cun botón lateral on/off. Salientar tamén a súa batería de 10.000 mAh, que ofrece unha autonomía de até 8 horas. Tamén integra unha cámara de 0,3 Mpx. O Tour 1101 está xa dispoñíble en tendas de varios puntos de España e a través da tenda en liña de Primux, cun prezo suxerido de venda de 269 euros.

PUBLICIDADE