Primux Tech dá a coñecer os seus máis recentes tablets para competir este Nadal cos grandes do sector

mércores, 18 de decembro do 2013 Redacción

Daniel Rodríguez e José Morán, de Primux Tech

Finalmente, tal e como avanzamos os días pasados, a empresa galega Primux Tech presentou nas sesións dos Mércores da Tecnópole os novos tablets que lanzará nesta campaña de Nadal co obxectivo de competir cos xigantes do desenvolvemento e fabricación de aparellos en igualdade de condicións e con tecnoloxía galega. Falamos dos trebellos Logic L1, Siroco5 e Ciclón2, dados a coñecer en Ourense, no devandito ciclo de charlas e presentacións da Tecnópole, da man dos propios fundadores de Primux Tech.
Lembrar que a empresa, que instalou o seu departamento de I+D+i no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) a principios deste ano, puxo no mercado máis de 48.000 terminais ao longo de 2013 e prevé incrementar de xeito significativo esta cantidade no vindeiro exercicio “a través da entrada en mercados novos, especialmente o sudamericano”, fixeron saber os seus creadores. José Morán, un dos socios fundadores, fixo saber que a firma segue a filosofía da “tecnoloxía lóxica”, o que se traduce basicamente “nun produto de última tecnoloxía con prestacións moi elevadas, de prezo moi competitivo e, sobre todo, un servizo ao cliente o máis rápido e eficiente posible”.
Tamén fixo saber que Primux Tech naceu a partir dunha empresa de distribución de material informático, primeiro como provedor de accesorios e, a partir de 2011 como fabricante de dispositivos propios. “Cando as operadoras de telefonía anunciaron que deixaban de subvencionar os dispositivos vimos unha oportunidade para iniciar unha liña de negocio en smartphones e tablets libres e con tecnoloxía propia”, sinalou Morán.
Os últimos smartphones de Primux Tech veñen con dúas baterías por terminal para axudar a compensar un dos principais problemas que sofren os usuarios de telefonía móbil: a pouca durabilidade da carga de enerxía. Ademais, todos os modelos están equipados con dual SIM (para poder introducir dúas tarxetas, por exemplo unha persoal e outra profesional) e GPS sen conexión de datos.
Pola súa parte, o director técnico da empresa, Javier Bordejé, informou que “calquera cliente pode contactar directamente coa empresa en caso de dúbidas ou de avaría, primeiro por teléfono ou por correo electrónico e, se non se atopa unha solución, recólleselle o produto e, nun prazo de 72 horas, a empresa comprométese a realizar a reparación e devolverlle o terminal ao cliente, todo de balde”.

Os modelos presentados

O tablet Logic L1 é o máis miúdo dos presentados, con 7,85 polgadas de pantalla. O Siroco5, de 10,1 polgadas, salienta por ser panorámica e ofrecer, deste xeito, un axeitado alicerce para a visualización de vídeos. O Ciclón2, tamén de 10,1 polgadas, é a que ten máis altas prestacións. Todo, segundo explicou Bordejé, contan con porto USB e coa posibilidade de aumentar a memoria.

PUBLICIDADE