Preto dun cento de concellos formalizan a súa adhesión á rede dixital de emerxencias da Xunta

venres, 15 de abril do 2016 Redacción

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, fixeron entrega hoxe na Estrada de 239 terminais da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia (RESGAL) a case un cento de concellos galegos no marco dunha xornada formativa sobre a rede corporativa de comunicacións móbiles dixitais de emerxencias e seguridade de Galicia, que se celebra na AGASP e contan con máis de 300 participantes, entre servizos de emerxencias municipais e supramunicipais.
O vicepresidente destacou que esta entrega de terminais de comunicacións súmase outros 225 entregados hai un mes ao Concello de Vigo. Deste xeito, formalízase a adhesión de 95 concellos a RESGAL, o que suporá un auténtico salto cualitativo no nivel de comunicacións do sistema de emerxencias galego, que vai mellorar en coordinación e eficacia.
RESGAL integra, por primeira vez, nun mesmo sistema a todos os colectivos que participan na resolución das emerxencias. Unha rede única para facilitar unha intervención máis efectiva e eficaz dos efectivos implicados e simplificar as tarefas de coordinación entre eles.
Precisamente, Rueda explicou que na nova rede se están a integrar de xeito progresivo todos os efectivos de emerxencias de Galicia, desde bombeiros a policías, pasando por voluntarios de protección civil, os profesionais do 061 e polos axentes que loitan contra os incendios forestais.
Esta dotación de material non é un feito illado, senón que responde ao interese da Xunta nos últimos anos por redobrar o seu investimento en medios materiais para contar cunha Galicia mellor preparada fronte ás emerxencias e, polo tanto, máis segura para a cidadanía.
A directora da AMTEGA, Mar Pereira, destacou que RESGAL emprega tecnoloxía TETRA, a máis punteira para este tipo de comunicacións, que garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía móbil se colapsa, posibilita a xeolocalización en tempo real a posición de todos os dispositivos de emerxencia, os envíos de SMS a persoas ou grupos, a consulta de bases de datos ou a gravación de conversas e o cifrado das comunicacións, garantindo a súa confidencialidade. Pereira destacou que a Administración autonómica adquiriu xa máis de 5.316 terminais dos que 3.314 están operativos.
A nova rede dixital está xa operativa en todo o territorio cunha cobertura do 84 por cento do territorio e o 94 por cento da poboación, de xeito que, garantirá un alto grao de cobertura nas principais zonas urbanas nas principais vías de comunicación, portos, aeroportos e zonas industriais de especial risco e zonas rurais.
Ademais, conta cunha estación base transportable, que poderá ser empregada para un despregamento rápido de cobertura nunha zona de sombra ou aumentar a capacidade ante un evento que xere un incremento exponencial das comunicacións dos servizos de emerxencia e seguridade.

PUBLICIDADE