Preto dun centenar de persoas asisten ao Big Data Coruña no CITIC

luns, 21 de outubro do 2019 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle hoxe luns e mañá martes a quinta edición do Congreso Internacional Big Data Coruña, que afonda nos novos retos desta disciplina tecnolóxica, de gran potencial para o desenvolvemento da ciencia e da Industria 4.0, da man de expertos en tecnoloxía e analítica de datos de nivel internacional, congregando a preto dun centenar de asistentes procedentes do ámbito empresarial e académico.
A mesa de apertura foi a cargo do reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, e a organizadora do evento, Amparo Alonso, presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e investigadora do CITIC.
O reitor da UDC salientou que a Universidade é capaz de especializarse nas áreas estratéxicas que servirán á sociedade no futuro “grazas a actividades como estas”, xa que “o CITIC é lugar de encontro entre empresas e universidade”, colaborando en que “a formación que se imparte na Universidade concorde co que as empresas demandan”. Ademais, o director do CITIC incidiu en que este congreso “comunga coa estratexia europea en Intelixencia Artificial e tratamento de datos”.
Durante hoxe e mañá reuniranse no CITIC expertos nesta disciplina procedentes de Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia e Portugal.
Como dixemos, o congreso está organizado pola presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e investigadora do CITIC, Amparo Alonso Betanzos; a coordinadora do Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos e investigadora do CITIC, Bertha Guijarro; e o investigador da área Big Data da University College London (UCL) e director da área de investigación de DataSpartan, David Martínez.
No Big Data Coruña 2019 colaboran a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE