Preto de duascentas persoas coñeceron as instalacións, laboratorios e liñas de traballo do Centro AtlanTTic

mércores, 25 de outubro do 2023 S. P.

Alumnos de varios institutos de ensino medio participaron o pasado venres en Vigo na xornada de portas abertas Conecta con atlanTTic, unha actividade organizada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic) co obxectivo de achegarlle a cidadanía galega as instalacións, laboratorios e principais liñas de traballo deste centro.
Durante a visita alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións e o equipo de traballo deste centro, participando en demostracións sobre comunicacións 5G, ópticas e vía satélite, e falando coas investigadoras e investigadores sobre proxectos como Panoramix, centrado na detección do deterioro cognitivo en persoas maiores, ou Celia, un chatbot con empatía para entreter e acompañar a persoas maiores. Familiarizáronse tamén cos sistemas de radar e xeoposicionamento; a aplicación SignaMed, que traballa no recoñecemento automático de lingua de signos para facilitar a comunicación coas persoas xordas; e Lightboard, un taboleiro de cristal luminoso para a educación dixital.
Visitas guiadas aos laboratorios Así mesmo, as persoas asistentes participaron nas visitas guiadas aos laboratorios, como o de Seguimento de satélites; o de Acústica, incluída a sala de control non-environment e a sala semi-anecoica, acondicionadas coa tecnoloxía Metadyne, material que permite absorber as ondas acústicas; e o laboratorio QOPHI, centrado na investigación e deseño de dispositivos fotónicos integrados, onde se puxeron ao día sobre a revolución que supoñen os chips que empregan esta tecnoloxía.
Durante a visita, o alumnado, principalmente da ESO, de Bacharelato Tecnolóxico e dun ciclo de FP, aproveitaron para interesarse polo labor diario das investigadoras e investigadores dun centro de investigación e como repercute o seu traballo na sociedade.
Aberto ao público pola tarde
A Xornada de Portas Abertas de atlanTTic continuou pola tarde coa apertura ao público xeral ás visitas. Asistiron preto dun centenar de persoas de diferentes idades que ademais de visitar os laboratorios de Seguimento de satélites e o de Acústica, tamén visitaron os diferentes stands instalados na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación onde as investigadoras e os investigadores do centro amosaron aos visitantes, como fixeron pola mañá cos estudantes, algúns dos proxectos e avances nos que están a traballar.
Desde a organización valoran de xeito moi positivo a acollida, unha edición máis, desta proposta de divulgación científica que permitiu achegar aos centros educativos, ás familias e ao resto de visitantes o traballo que desenvolve o persoal investigador de atlanTTic. Algunhas das persoas que acudiron facíano por primeira vez e outras, que xa acudirán en anos anteriores, quixeron repetir a experiencia, conseguindo alcanzar con éxito o obxectivo principal desta xornada, achegar a actividade investigadora do centro á sociedade.

PUBLICIDADE