Preto de 90.000 cidadáns máis da Coruña xa se poden beneficiar da e-receita

venres, 30 de outubro do 2009 Raquel Noya

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, desprazouse hoxe ata a cidade da Coruña para comprobar, de primeira man, o funcionamento da receita electrónica na comarca, posta en marcha polo seu departamento nas últimas semanas en varias localidades da zona, en colaboración co Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña.
Farjas Abadía, xunto coa presidente do devandito colexio profesional, Rosa Lendoiro Otero, achegáronse ata unha farmacia da cidade herculina para cerciorarse de que o uso da receita electrónica xa é unha realidade para os doentes que acuden aos Centros de Saúde de Castrillón, do Ventorrillo e dos Mallos, centros médicos nos que este servizo se puxo en funcionamento ao longo desta semana.
Agora mesmo, ao redor de 90.000 cidadáns benefícianse xa desta medida na comarca, un número que se irá incrementando paseniñamente a medida que se vaia despregando o servizo nos centros de saúde da Casa do Mar, Matogrande e Monte Alto-A Torre.
A titular de Sanidade destacou que unha vez superada a fase de pilotaxe, “este ano evolucionou o despregue de receita electrónica a gran velocidade”, tendo xa agora 107 centros de saúde en Galicia con conexión directa a farmacia con e-receita, e 555 oficinas de farmacia conectadas a este novo sistema. Así, ao redor de 740.000 usuarios benefícianse desta iniciativa, o que representa unha porcentaxe de ao redor do 26% da poboación galega.
Pilar Farjas anunciou, tamén, o arranque en próximas datas da receita electrónica noutras áreas de Galicia, como os centros de saúde de Vigo de Casco Vello, A Doblada, Rúa Cuba, Colmeiro e Nicolás Peña; os centros de saúde de Lugo de O Incio, Paradela, Samos, Sarria, Láncara e Triacastela; e os centros de saúde de Ourense de Ribadavia, Allariz, A Cuña e Novoa Santos.
Deste xeito, e continuando con esta liña de expansión, está previsto que a Consellería de Sanidade, en colaboración cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, remate o ano con 167 centros de Atención Primaria integrados neste proxecto, co que se dará cobertura nesas datas a unha poboación de máis de 1.200.000 cidadáns nas catro provincias galegas, o que supón máis do 43 por cento da poboación con acceso á e-receita.

PUBLICIDADE