Preto de 6 millóns de euros en multas aos operadores de telefonía por facilitar o SIM swapping

venres, 4 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Fotografía <a href="https://www.flickr.com/photos/mujitra/6592778831/in/photolist-b3zHsx-b3zJDz-6L28Qr-b5on3K">de Miki Yoshihito</a>A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) publicou esta semana unha serie de resolucións nas que deu conta de sancións aos principais operadores de telecomunicacións do Estado por facilitar os calotes mediante a técnica do SIM swapping, ou sexa, por permitir a solicitude de duplicados de tarxetas SIM para poder recibir mensaxes de texto das liñas afectadas e así poder autorizar operacións bancarias e baleirar as contas de numerosos afectados, indefensos ante este tipo de fraude electrónica.
Nos casos denunciados realizáronse transferencias bancarias por valor de até 30.000 euros, transferencias por Bizum de até 500 euros e incluso a obtención de préstamos de até 43.000 euros, delitos dos que os prexudicados non son conscientes até que é tarde, xa que o único indicio que teñen é que o seu móbil queda sen cobertura (xa que a liña pasa a operar co duplicado da SIM e non coa SIM orixinal). Aínda que desta volta a AEPD estea a sancionar aos operadores de telecomunicacións boa parte da responsabilidade debería recaer nas entidades bancarias, que están a empregar para verificar as operacións un sistema tan inseguro como son as mensaxes de texto, algo incomprensible nun momento no que temos smartphones con aplicacións móbiles que poderían facilitar comunicacións de códigos de xeito seguro.
Entre as sancións publicadas podemos ver como Telefónica terá que pagar unha sanción de 900.000 euros, Orange unha sanción de 700.000 euros, Simyo (Orange) unha sanción de 70.000 euros, Yoigo (MásMóvil) unha sanción de 200.000 euros e Vodafone unha impresionante sanción por valor de 3.940.000 euros.

PUBLICIDADE