Preto de 400 estudantes de Primaria de toda Galicia participan nos obradoiros Dixitalweek

mércores, 8 de novembro do 2023 S. P.

Preto de 400 alumnos de 6º curso de Educación Primaria de 23 centros educativos de toda Galicia participan este mércores 8 de novembro nos obradoiros Dixitalweek. Trátase dun encontro que complementa o programa de estadías de inmersión lingüística en inglés vinculadas á actividades dixitais do mesmo nome impulsadas pola Xunta de Galicia e no que este outono participan un total de 1.200 alumnos ata 4º curso de ESO.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou os obradoiros, onde puido coñecer de primeira man as destrezas dos rapaces nestes eidos.
Neste encontro deste mércores, os alumnos realizan actividades de práctica idiomática en distintos escenarios comunicativos vinculados ás contornas tecnolóxica e científica. A maiores, tamén participan en actividades físicas e de socialización que contribúen a mellorar o traballo en equipo entre os participantes.
Para o devandito contan co apoio de profesionais como Manuel Vicente, divulgador e presentador do programa Efervescencia da Radio Galega e premio de Xornalismo Científico en 2018, e Déborah García, química, investigadora, e comunicadora científica, que traballa no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, CICA, da Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE