Preto de 280 empresas galegas participarán no novo congreso estatal de APD

xoves, 25 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O vindeiro mes de novembro, os días 21 e 22, vaise celebrar en Barcelona un relevante encontro de profesionais da innovación: o quinto Congreso Nacional de Directivos da Asociación para o Progreso da Dirección (APD), baixo un significativo lema A empresa é humana. Segundo informa a organización do evento, este servirá entre outras cousas para bater récords en materia de presencia de responsábeis empresariais.
De feito, a APD lembra que a súa comunidade está integrada por 50.000 directivas e directivos, estando previsto que concorran na xuntanza unhas 2.500 persoas. Respecto da nosa terra, calcúlase que participen no congreso os representantes de case 280 empresas galegas. A cita, tematicamente, xirará arredor das consecuencias das novas tecnoloxías para os equipos profesionais humanos, afondando na simbiose home-máquina.
Respecto do programa en si mesmo, contarase cunha trintena de relatoras clave con quen compartir as principais tendencias tecnolóxicas e as súas implicacións para a humanidade no curto prazo. A cita, que se desenvolve no CCIB (o Centre de Convencions Internacional de Barcelona), pretende situar o foco da reflexión no que serían “as consecuencias reais do proceso de innovación tecnolóxica a velocidade superior cá propia adaptación do home a esa mesma tecnoloxía”, en palabras da organización.
Entre os relatores do programa atópanse persoeiros de especial relevancia no panorama tecnolóxico e innovador, como o filósofo Daniel Innerarity, Rosa García, presidenta e directora executiva de Siemens, Jose Ignacio Goirigolzarri, presidente de Bankia, Carlos Barrabés, fundador e presidente do Grupo Barrabés ou Francisco Román, presidente de Vodafone, entre outras personalidades do tecido produtivo estatal e internacional.
En palabras de Rafael Miranda, presidente de APD, “o congreso quere xerar un debate profundo e consistente sobre o tema das tecnoloxías creadas polo ser humano e a necesidade que ten de saber xestionalas”. Tamén, engade, búscase intercambiar prácticas directivas e empresariais enriquecedoras para resolver esa xestión necesaria. “A simbiose entre tecnoloxía e humanidade é hoxe a clave de quen teñen responsabilidades en compañías. Xa non estamos a falar de futuro, senón de feitos e as súas consecuencias”, informa.
Entre as empresas colaboradoras do congreso atópanse Adecco, Bankia, Endesa, HP e Intel; así como ATKearney, Axis Corporate, Caser, CESCE, Deloitte, EAE Business School, EY, EKON, KPMG, Microsoft, Mediapost, Sage, Siemens, Sodexo ou Vodafone.

PUBLICIDADE