Preto de 10.000 aplicacións para o iPhone

luns, 1 de decembro do 2008 Marcus Fernández

O último vídeo musical de P!nk visto na aplicación de Joost para o iPhone

Dende 148apps.com fan unha relación das aplicacións que van saíndo para o iPhone e o iPod Touch, e xa contabilizan máis de 10.000, aínda que hai que precisar que boa parte das mesmas (unhas 350) foron rexeitadas por Apple, o que faría que a cifra redonda aínda non sexa oficial, o que non fai que sexa menos impresionante a cantidade de software que se produciu para o móbil de Apple no medio ano que leva a súa tenda de aplicacións aberta, deixando claro que a vantaxe do iPhone está máis no software que no hardware.

No EE.UU. a aplicación de Joost achega moitas películas completas de balde

Como exemplo de éxito destas aplicacións para o iPhone a App Store vén de incorporar o seu propio cliente de Joost, que permite visualizar dende os EE.UU. os máis de 46.000 vídeos que ten este popular servizo promovido polos creadores de KaZaA e Skype. Para os norteamericanos isto abre o acceso de balde dende o iPhone a milleiros de episodios de series de televisión e películas (mentres que en Europa nos temos que confirmar con vídeos musicais e outros contidos de menos interese) e, aínda que este novo reprodutor multimedia especializado en contidos dun portal web en concreto diste moito de ser perfecto, abre unha porta a moito material audiovisual, polo que non sería de estrañar que nos vindeiros meses o imitasen outras plataformas de vídeo na súa procura de achegarse ao usuario móbil.

Dende Cadena 100 preparan a súa propia aplicación para o iPhone e iPod Touch

Nos EE.UU. o Joost para o iPhone nos permite visualizar contidos de alta calidade entre as que estarían películas coma El Quinto Elemento, Cazapantasmas, Men In Black, Starship Troopers ou León El Profesional, polo que moitos usuarios agradecerán o acceso a clips de fóra de YouTube, aínda que para gozar dos mesmos é preciso conectarse por Wi-Fi (as conexións EDGE e 3G non parecen ser as máis axeitadas para o vídeo).
En España tampouco están quietiños mirando para o iPhone, e dende Applesfera informan de que a Cadena 100 está a traballar nunha aplicación para o móbil de Apple que permitirá facer un seguimento da emisora de radio en directo, así como acceder a outros contidos (coma o programa televisivo Camera Café ou o espazo radiofónico Buenos Días, Javi Nieves).
A aplicación, que será de balde a través da App Store, tamén permitirá mandar mensaxes á emisora, e outras funcionalidades que irán desenvolvendo no futuro.

PUBLICIDADE