Presumedegalicia.com dá a coñecer os seus gañadores de 2018

mércores, 2 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Xa sabemos os nomes dos internautas que máis e mellor traballaron en 2018 a prol de mostrar Galicia no mundo e facer fronte común arredor dela. Estamos a falar da máis recente campaña-certame Presume de Galicia, lanzada polo noso Clúster Turismo, que rematou os días pasados coa entrega dos premios Presumidores do Ano, que foron dar aos integrantes da comunidade de Presume de Galicia que máis aplausos (votos) acadaron cos seus contidos (imaxes e vídeos).
Ana Ruiz, fotógrafa afeccionada da Coruña, foi a que se alzou co premio na categoría de Foto, pola súa imaxe Detívose o tempo, que conseguiu máis de 1400 votos. Pola súa banda, Javier Giráldez, avogado de Baiona, alzouse co premio na categoría de Vídeo por Amencendo, con 375 votos.
Coa entrega destes dous galardóns conclúe a campaña deste ano de Presume de Galicia, unha iniciativa do Clúster Turismo de Galicia que leva en marcha desde hai tres anos coa premisa de “incentivar a posta en valor de moitos recunchos pouco coñecidos polos propios galegos”. Segundo informa a plataforma empresarial galega, a comunidade de voluntarios-presumidores xa superou o 100 mil seareiros nas diferentes redes sociais nas que ten perfil, sendo a de Facebook, a comunidade máis numerosa (pero seguida de preto pola de Instagram, que foi a que máis incrementou nestes últimos meses), con máis de 100 mil integrantes.
O Clúster tamén lembrou que durante o tempo no que se desenvolveu a campaña de revitalización da comunidade, de agosto a novembro, entregáronse tamén premios con carácter mensual aos presumidores que obtiñan máis votos nalgunha das súas fotografías subidas. Estes recoñecementos consistiron en estadías en hoteis de tres e catro estrelas en Galicia.
Tal e como expresou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, que foi o encargado de facer entrega dos premios, “seguimos apostando por Presume de Galicia, unha comunidade de usuarios que nos permite trazar un mapa de experiencias pola nosa terra, descubríndonos recantos pouco coñecidos ou espazos desde outro punto de vista”. De feito, para facernos unha idea da repercusión dos contidos xerados, o presidente lembrou que a felicitación de Nadal deste ano do Clúster incluíu unha fotografía de Presume de Galicia. Cesáreo Pardal tamén quixo agradecer a participación aos máis de 3.400 usuarios rexistrados cos que conta a web PresumedeGalicia.com, na que, ao longo deste tempo, subíronse máis de 4.100 imaxes. Con todo isto, engadiu, “estase a crear un mapa de experiencias ao alcance de calquera que queira descubrir novos lugares”.

PUBLICIDADE