Presto Vivace revoluciona o ensino musical coa plataforma Presto ON

martes, 29 de decembro do 2020 Redacción

Presto Vivace, escola de música coruñesa e Conservatorio Oficial de Música Moderna, pon en marcha dous proxectos de ensino pioneiros que, en palabras do propio centro docente, permitirán chegar a todos os fogares grazas ás ferramentas dixitais, “axudando en todo momento aos alumnos a que estean familiarizados e cómodos cos dispositivos e ferramentas”. O primeiro proxecto é unha adaptación do proxecto pedagóxico da escola á contorna en liña, facendo posíbel que “calquera persoa poida estudar música desde onde queira, ao seu ritmo, cun trato personalizado e cun equipo de profesores expertos nas novas metodoloxías de ensino musical”.
A oferta educativa enmarcada na plataforma Presto ON pon a disposición do alumnado unha serie de recursos de forma e contido para “reducir a inseguridade que tanto as persoas que están aprendendo música como as súas familias poidan sentir acudindo a unha clase de xeito presencial”, ademais de manter a continuidade do proxecto educativo se o alumno non puidese desprazarse ao centro coa frecuencia que o modelo anterior de ensino presencial requiría.
A través do servizo dixital Presto ON as nenas e nenos de 6 a 7 anos poderán cursar pre-linguaxe musical desde as súas casas, e a partir de 8 anos calquera persoa terá oportunidade de aprender a tocar un instrumento e cursar linguaxe musical “en formato de presencialidade flexíbel”.
A actividade educativa desenvolverase de xeito simultáneo na aula e nas casas ou lugares onde se atope o alumnado, podendo cambiar a modalidade en calquera momento sen alterar a evolución da súa aprendizaxe.
“Dentro da oferta educativa de Presto ON”, informa a escola coruñesa, “os adolescentes terán tamén o seu sitio, xa que durante as clases, en formato presencial ou online, axudarémoslles a desenvolver todo o seu potencial e as súas habilidades musicais respectando os seus gustos e intereses, que identificaremos nunha sesión previa, e que nos servirá para trazar o itinerario formativo axeitado”.
Presto Senior
A outra gran novidade da tempada en Presto Vivace é un novo servizo tecnolóxico concibido para as e os usuarios senior, que segundo informan dende escola, “non terán escusa para iniciar ou retomar a aprendizaxe musical, cunha metodoloxía personalizada adaptada ao seu ritmo, compañeiros de viaxe afíns, e coa flexibilidade de poder elixir a modalidade de aprendizaxe coa que sentan máis cómodos/as: na aula ou desde as súas casas”. Trátase do servizo Presto Senior.

PUBLICIDADE